Como é o miradoiro
Espazo de encontro aberto á cidadanía
O solpor provoca cambios nas sombras e texturas dos elementos visibles, destacando as contornas das paisaxes, amosando o skyline da cidade e creando unha atmosfera de calma e reflexión.
Cabe salientar a silueta da maxestosa catedral sobre un ceo tinguido de tons cálidos e profundos. Ademais, os tellados das casas antigas adquiren unha luminescencia tenue, e os monumentos históricos alúmanse sutilmente, para revelar detalles antes ocultos. Ao lonxe poderás contemplar como o Pico Sacro se esvaece e se perde na escuridade da noite.
É neste momento en que o mundo se ralentiza e a natureza semella suspirar antes de mergullarse na noite. Os sons diúrnos dan paso a un silencio gradual, e a escuridade vai gañando terreo, revelando as primeiras estrelas que comezan a titilar no firmamento.
Monte Pedroso
Natureza, arqueoloxía, paisaxe, cultura...
O monte Pedroso é o máis emblemático da cidade. Está situado a 3 km do centro urbano e ten unha altura de 461 m. Protexido desde hai anos da construción para que ningún edificio poida competir nunca en altura nin en visibilidade coa basílica do Apóstolo, é o miradoiro por excelencia para descubrir a cidade tapizando a paisaxe e a catedral enfrontándose ao ocaso. Calquera momento é bo para subir alí.
Un espazo de lecer, rodeado da natureza, destinado a toda á cidadanía: familias, excursionistas,...
É un lugar arqueolóxico de interese, estación de esculturas rupestres. É a cuarta das estacións aparecidas ao redor da cidade compostelá. En particular, destaca a presenza dunha espiral aínda que de forma moi tímida.
Desde a cidade, accédese á cima do Pedroso nun paseo duns 40 minutos que sae desde Ponte Asén, no parque de Galeras, e cruza a aldea de Casas Novas, para continuar polo carreiro ascendente marcado polo Vía Crucis.
Para chegar alí en coche, tómase a estrada que comeza no Carme de Abaixo e cóllese despois o desvío a man dereita, seguindo as indicacións dos repetidores de televisión.
Nos arredores existe zona de aparcadoiro. Hai que apuntar que, se se visita pola noite, é importante levar unha lanterna para orientarse mellor debido á ausencia de contaminación luminosa.
Ideal para...
Sendeirismo
Pícnic
Fotografía
Observación de aves
Astronomía
Familias
Parellas
Amantes da natureza
Deportistas
Peregrinos/as