Descubrindo os segredos da noite
O mapa estelar da noite máis especial de Santiago
Jorge Mira
Catedrático do Departamento de Física Aplicada
Universidade de Santiago de Compostela
Ás 0:00 horas do 25 de xullo, ao alzarmos a mirada cara ao ceo de Santiago de Compostela, o primeiro que nos chamará a atención será o chamado triángulo do verán, formado polas estrelas Vega (case enriba das nosas cabezas, na constelación de Lira), Altair (na constelación da Aguia) e Deneb (na constelación do Cisne). Chámaselle así a ese triángulo porque ocupa unha posición central no ceo nas noites do verán, e vai perdendo protagonismo ao entrar no outono. A Terra, ao irse movendo durante o ano ao redor do Sol, vainos ofrecendo un ceo cambiante. O que vemos o 25 de xullo será diferente (estará colocado doutro xeito) do que vexamos o 25 de decembro, por exemplo.
De tódos xeitos, para orientármonos ben, cómpre primeiro localizar unha das constelacións máis coñecidas, a Osa Maior (o famoso “Carro” ou “Cazo”). Se collemos como referencia a distancia que hai entre as dúas estrelas que están no lado máis exterior do cuadrilátero dese cazo, e movemos a vista cara a dentro da cúpula celeste unhas cinco veces esa distancia, atoparemos a estrela que marca a punta da Osa Menor: a estrela Polar.
Esa estrela está no lugar polo que pasa o eixe imaxinario de rotación da Terra. Isto quere dicir que, se quedamos observando toda a noite, veremos como todas as estrelan virarán ao redor desa, que non se moverá do sitio. Dentro do ceo cambiante ao longo do ano, a Estrela Polar permanece inmutable. Isto sabíano ben os navegantes de antano, que a usaban para encontrar o norte. Se botásemos a andar cara a ela, ao irmos subindo cara vez máis ao norte, veriámola máis alta sobre as nosas cabezas. De feito, ao chegar ao polo Norte teriámola xusto enriba. Pola contra, se botásemos a andar para afastarnos dela, ao ir chegando ao ecuador veriámola ir baixando cara ao horizonte e finalmente desaparecería. Sabendo a que altura está sobre o horizonte, os antigos navegantes sabían como de cerca ou lonxe estaban do norte.
Un matiz: a inmutabilidade da estrela Polar prodúcese só na escala de tempo da época na que vivimos, porque nin ela resiste eternamente no seu lugar: vaise desprazando moi lentamente nos nosos ceos nocturnos de xeito que, se volvemos aquí dentro duns 12.000 anos, veremos que a que marcará o norte será Vega. Por certo, nese ano o 25 de Xullo xa non será verán, senón inverno: este proceso é debido a que o eixo de rotación da Terra vai facendo unha volta parecida á dunha buxaina, que lle leva da orde de 26.000 anos, e os solsticios de verán e inverno intercámbianse na metade do camiño. Ou sexa, se volvemos aquí no ano 28.000, descubriremos que a estrela Polar estará a marcar de novo o norte.
Volvamos novamente á Osa Maior. Se agora nos fixamos no mango do cazo, notamos que fai unha pequena curva: se prolongamos esa curva, daremos cunha estrela moi brillante, chamada Arturo, a principal da constelación do Boieiro. E, se seguimos prolongado esa curva, atoparemos un pouco máis arriba do horizonte a Spica, na constelación da Virxe (Virgo). Nesa zona do ceo está localizado o burato negro (na galaxia M87) do que se obtivo por primeira vez unha foto na historia da ciencia.
Esta constelación está nunha zona do ceo, chamada Zodíaco, pola que pasa o Sol. Isto fixo que na mente dos humanos esas constelacións fosen un pouco distintas. Cando o Sol está enriba delas, non podemos velas, co cal un podería dicir que naceu cando tal ou cal constelación zodiacal estaba “pisada” polo Sol. Esta é a orixe dos famosos horóscopos. Aproveitamos a ocasión para apuntarlle que, por mor do movemento do eixo de rotación que comentabamos antes, o Sol “pisa” as constelacións en momentos do ano diferentes aos que o facía séculos atrás. Vamos, que se vostede considera que o seu signo zodiacal é Virgo (por ter nacido entre finais de agosto e gran parte de setembro), debe saber que o Sol xa non pisa a Virgo nesas semanas do ano...
Polo Zodíaco circulan tamén os planetas, así que se queremos buscalos, temos que mirar polo camiño zodiacal.
Percorrendo coa mirada o camiño zodiacal,a zona que está un pouco por riba do horizonte, se mira cara á zona onde sae o Sol, empezará a ver a saída da constelación do León (Leo) e, partindo de Virgo cara a zona onde se puxo o Sol, verá moi feblemente a constelación da Balanza (Libra) e, logo, a constelación de Escorpión, dominada por unha estrela de ton vermello chamada Antares, unha vella estrela superxigante vermella que está a 550 anos-luz de nós. O adxectivo de superxigante teno ben gañado: se a puxésemos no lugar do noso Sol, a súa superficie caería entre Marte e Xúpiter (ou sexa, a Terra estaría dentro dela).
Seguindo o noso percorrido zodiacal, á dereita de Escorpión atopamos Saxitario, que ten un aspecto como de teteira ou barco de papel. Nesa constelación está o burato negro central da nosa galaxia, a Vía Láctea, fotografado por primeira vez en 2022. Logo de Saxitario, Capricornio. A medida que avance a noite, o horizonte irá tragando as constelacións que fomos mencionando, empezando por Capricornio.
Para rematar a nosa viaxe, volvamos á estrela Polar. Entre ela e o horizonte do nordés veremos un grupiño de estrelas que forman unha especie de letra E ou M (segundo como a interpretemos): a constelación de Casiopea e, máis cara a abaixo, estará saíndo unha constelación cunha forma en T: Perseo. Por esa zona empezarán a verse entre finais de xullo e agosto as famosas estrelas fugaces chamadas Perseidas.
Baixando cara ao horizonte leste, temos a constelación de Pegaso, recoñecible por formar un aparatoso cadrado. Ao carón dela, está un borronciño: a nebulosa de Andrómeda, que se podería ver a simple (boa) vista nunha zona sen contaminación luminosa. En 1923, o astrónomo Edwin Hubble descubriu que ese borrón no ceo era en realidade unha galaxia como a Vía Láctea (a nosa galaxia, que mancha cunha feble mancha branca o ceo). Ata aquel ano, para a ciencia a Vía Láctea era todo o Universo, e causou unha profunda conmoción decatarse de que había máis galaxias que a nosa. Poderiamos dicir que o concepto de galaxia, tal e como o entendemos hoxe, naceu hai un século. Os alicerces da física e a comprensión do Universo que temos hoxe naceron de algo tan máxico e sinxelo como a observación do ceo nocturno.