Que ver pola noite
Un miradoiro da cidade... e das estrelas
Solpor...
O solpor provoca cambios nas sombras e texturas dos elementos visibles, destacando as contornas das paisaxes, amosando o skyline da cidade e creando unha atmosfera de calma e reflexión.
Cabe salientar a silueta da maxestosa catedral sobre un ceo tinguido de tons cálidos e profundos. Ademais, os tellados das casas antigas adquiren unha luminescencia tenue, e os monumentos históricos alúmanse sutilmente, revelando detalles antes ocultos. Ao lonxe poderás contemplar como o Pico Sacro esvaece e se perde na escuridade da noite.
É neste momento en que o mundo se ralentiza e a natureza semella suspirar antes de mergullarse na noite. Os sons diúrnos dan paso a un silencio gradual, e a escuridade vai gañando terreo, revelando as primeiras estrelas que comezan a titilar no firmamento.
Medianoite...
A localización do miradoiro nas aforas da cidade fai posible que observes un ceo nocturno en que as estrelas brillan con intensidade.
Desde a zona destinada para a observación do firmamento, é inevitable pensar nos milleiros de peregrinos e peregrinas que conseguiron chegar ata Compostela guiados polos astros da noite, que como un guía fiel, ofrecían orientación nas súas travesías cara ao seu destino sagrado.
Mentres as constelacións contan as súas antigas historias, a Vía Láctea, coma un río de luz, estende as súas brazadas luminosas, creando un espectáculo celestial que fascina e inspira por igual. Un espectáculo extraordinario en que o tempo se detén para animarnos a considerar a magnitude do Universo.
Amencer...
A medida que o sol se eleva sobre Compostela, os seus raios acariñan, con tons cálidos, unha cidade durmida que esperta lentamente.
Este amencer desde o monte Pedroso ofrece unha experiencia única, onde o antigo e o novo se entrelazan nunha danza de luz e sombra. Sen dúbida, trátase dun momento máxico que convida á reflexión e á conexión coa rica historia da cidade.