Que ver polo día
Interacción entre o natural e o cultural,
o punto de confluencia entre as xentes e o territorio
Amencer...
Desde o Pedroso, a vista panorámica de Santiago de Compostela no amencer embruxa os sentidos.
O lenzo nocturno do ceo salpicado de estrelas cede lentamente ante a luz dourada que emerxe no horizonte. O sol comeza a dar vida á cidade e os edificios, as zonas verdes e a contorna rural que rodea á cidade de Compostela fan a súa aparición na vista panorámica.
Visitantes e veciñanza atoparán nestas vistas un alicerce para comprender a vida en Santiago de Compostela, onde a natureza e a arquitectura urbana conviven en harmonía.
Mediodía...
Cando o sol alcanza a súa maior altura, a cidade amósase cunha vitalidade cegadora.
Poderás visitar o Pedroso en calquera condición meteorolóxica porque en cada ocasión obterás unha paisaxe inigualable que contemplar, gozar e mesmo fotografar se o desexas.
O ceo azul ou cuberto polas nubes, a néboa sobre a Cidade Histórica, o verde intenso da natureza abríndose camiño, as tonalidades das árbores no outono... son algúns dos innumerables motivos para vir a contemplar a cidade desde este emprazamento e conservar os teus mellores recordos dela.
Solpor...
Ao final do día, o miradoiro da paisaxe do Pedroso convértese nun balcón privilexiado para contemplar a máxica transformación de Santiago de Compostela.
As luces tenues da cidade comezan a aparecer, e con elas, as árbores, as construcións e os obxectos adquiren siluetas definidas e o ambiente énchese dunha tranquilidade que presaxia o repouso da noite.
Deste xeito, o solpor tórnase moito máis ca un fenómeno visual, resultando tamén unha experiencia emocional que convida á contemplación e ao asombro ante a beleza fuxidía coa que nos agasalla a natureza xunto á marcha do sol.